Aprender a salvar o planeta – un experimento cada vez

Como a educación STEAM e a sustentabilidade van da man

Algunha vez te preguntaches que ocorre cando o alumnado deixa de preguntar “Por que teño que aprender isto?” e comeza a preguntar “Como podo utilizar isto para resolver un problema real?”

Ese cambio está no corazón do que a educación STEAM moderna pode conseguir. Como exploramos no noso artigo anterior sobre o proxecto STEAM Heroes, un dos maiores desafíos nas aulas de ciencias e matemáticas é a distancia entre os conceptos abstractos e o mundo no que realmente vive o alumnado. Cando a aprendizaxe se desconecta da vida real, a motivación desaparece. Pero cando se conecta con problemas reais: a contaminación, o desperdicio alimentario ou o consumo de enerxía,  algo cambia.

STEAM Heroes baséase precisamente nesta idea: facer que a aprendizaxe sexa relevante conectándoa con contextos e desafíos da vida real cos que o alumnado poida identificarse. A sustentabilidade é unha das pontes máis poderosas para conseguilo. O cambio climático non é unha hipótese e a calidade do aire ao outro lado da xanela da escola non é só un exercicio de libro de texto.

Sexamos sinceros: “sustentabilidade” pode soar como unha palabra de moda que as persoas adultas repiten en conferencias. Pero cando o alumnado constrúe un sistema de rega intelixente, analiza a calidade do aire do seu barrio ou programa unha ferramenta para facer seguimento do desperdicio de alimentos na cafetería escolar, é cando todo cobra sentido. Iso é STEAM en acción.

STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) non é só un acrónimo atractivo. É unha maneira de ensinar que derruba as barreiras entre materias e sitúa o alumnado no centro da súa propia aprendizaxe. E cando se combina STEAM coa sustentabilidade, algo encaixa. De súpeto, o mundo fóra da aula convértese no currículo.

“O mellor de combinar STEAM e sustentabilidade? Que non existen problemas ficticios. Cada desafío é real e o alumnado sábeo.”

Por que funciona tan ben esta combinación?

Os desafíos relacionados coa sustentabilidade son complexos. O cambio climático, a escaseza de auga, os sistemas alimentarios ou a enerxía non teñen unha única resposta. Precisamente por iso son perfectos para a aprendizaxe STEAM. O alumnado non pode limitarse a memorizar unha fórmula e dar o traballo por rematado. Ten que investigar, deseñar, probar, equivocarse e volver intentalo. Ten que pensar como enxeñeiros, artistas e científicos, ás veces ao mesmo tempo.

Ademais, resulta moi motivador. Cando un estudante de 3º ou 4º ESO se decata de que o seu proxecto podería axudar realmente á súa comunidade a reducir o consumo enerxético, xa non está facendo deberes: está facendo algo significativo. Ese cambio de mentalidade transfórmao todo.

 

Examplos Prácticos

Laboratorio de datos da horta escolar

Proxecto de auditoría de residuos

Hackathon de aplicacións climáticas

Mini sistema de rega intelixente

O alumnado crea unha horta e utiliza as matemáticas e as ciencias para rexistrar o crecemento das plantas, o consumo de auga e a saúde do solo. Despois presenta as súas conclusións mediante infografías deseñadas por eles mesmos.

Os equipos clasifican, pesan e categorizan os residuos xerados no centro durante unha semana. Despois utilizan eses datos para redeseñar o sistema de reciclaxe e presentar as súas propostas á dirección do centro.

Equipos de programación desenvolven aplicacións ou paneis de control que visualizan datos climáticos locais, tendencias de temperatura, risco de inundacións ou calidade do aire,  utilizando conxuntos de datos públicos e abertos.

O alumnado constrúe un sistema sinxelo baseado en sensores de humidade que rega as plantas unicamente cando o solo está seco.

 

A arte en STEAM tamén importa

Non debemos esquecer a “A”. Cando o alumnado crea murais sobre a perda de biodiversidade, produce curtametraxes sobre a contaminación por plásticos ou deseña envases de residuo cero, está a comunicar ideas complexas a persoas que quizais nunca lerían un informe científico. A arte fai que a sustentabilidade conecte coas emocións, e as emocións impulsan o cambio.

 

Comezar non ten por que ser algo grande

O profesorado non necesita unha subvención nin un laboratorio sofisticado para comezar. Un composteiro, un pluviómetro, unha plataforma gratuíta de programación e unha clase con curiosidade son máis que suficientes. Os proxectos medran a partir de aí. O importante é ofrecerlle ao alumnado un problema real, algunhas ferramentas e a liberdade para equivocarse, aprender e atopar solucións.

Porque esta é a realidade: o alumnado que hoxe está nas aulas será quen teña que afrontar as consecuencias do cambio climático. A educación STEAM non só os prepara para o emprego; prepáraos para converterse nas persoas capaces de resolver os problemas que o noso planeta vai necesitar afrontar.